O NOME DO NOSO COLEXIO. “ALBINO NÚÑEZ”

Biografía
Albino Núñez Domínguez
foi un escritor, pedagogo e poeta galego.
Naceu en
San Pedro da Mezquita,
A Merca,
Ourense o 13 de
decembro de
1901. Estuda Maxisterio na Escola Normal de Ourense, sendo
«discípulo predilecto de don
Vicente Risco, don Felipe Pedreira, don José Soler e de dona
Araceli Ancochea» (A. Vilanova). Exerceu de mestre nas localidades
de
Amoroce (Celanova) e
Maceda (Ourense), iniciándose no ambiente empobrecido da aldea
galega o seu fervor pola pedagoxía, que habería de ser a gran paixón
da súa vida.
En
1932, a
A.T.E.O. (Asociación de
Traballadores do Ensino de Ourense), da cal era o seu presidente,
decide editar unha revista pedagóxica que se chamaría «Escuela
del Trabajo» e que tivo unha feliz andadura durante dous anos,
con vinteseis números publicados. Encárgase a súa dirección a Albino
Núñez Domínguez, «un mestre namorado dá súa profisión e cheo de
ideas renovadoras, tendo de colaboradores a todo ou Consello de
Dirección daquel xornal anterior, A República, e a grande cantidade
de mestres republicanos dispersos pola provincia ourensana» (Joam C.
Chilhon Iglesias).
A revista constituíu un auténtico revulsivo dentro
do ensino, anclada entón nos vellos métodos. Albino Núñez
imprimiulle un carácter marcadamente técnico-pedagóxico, rexeitando
de pleno o pernicioso memorismo e o excesivo intelectualismo da
época e introducindo os métodos da «Escola
Nova», baseados nas máis recentes doutrinas pedagóxicas e
en tentativas empíricas para a súa realización. Foi o primeiro medio
de difusión que fixo chegar ás escolas da provincia ourensá as novas
técnicas pedagóxicas (Montessori, Kerschensteiner, Decroly. Dewey,
Cousinet, etc ...).
Ao aprobar a oposición ao Corpo de Directores
Escolares, Núñez Domínguez é trasladado ao Grupo Escolar «Concepción
Arenal» da
Coruña, onde seguiría desenvolvendo as novas técnicas escolares,
establecendo «novos fins» da educación e orientando para eses fins a
obra social da escola «por medios psicobiolóxicos de adaptación do
comportamento». Pero a guerra civil truncou as súas aspiracións
humanistas cando era director do Centro antes mencionado. A partir
de
1936 dedícase ao ensino privado, primeiro en
Lugo, e máis tarde en Ourense, onde funda, en
1949, o centro de ensino «Estudios
Galicia». O grande interese deste centro radicaba, sobre todo,
na especial atención dedicada á formación de mestres que logo
levarían ás súas aulas as novas técnicas de ensino, conectando así
coa súa primeira etapa de director de «Escuela de Trabajo» como
divulgador dos métodos de avanzada pedagoxía na provincia de
Ourense.
En agosto de
1959 foi rehabilitado, primeiro como mestre e logo como director
escolar, ocupando o seu último destino na
Estrada (Pontevedra).
Faleceu en Ourense o día 7 de febreiro de
1974. O Centro de E.G.B. de Casardomato (Ourense) leva o seu
nome por proposta da Corporación municipal (1980).
Obra
Gran parte da obra de Albino Núñez Domínguez
permanece inédita, pero actualmente está en proceso de publicación.
Pódense citar, como interesantes traballos da súa autoría:
-
Parnaso Galaico (1956)
-
Musa Galega (1957)
-
A nosa fala (1958)
-
Maruxa ou a femineidade'
(1958)
-
Grandezas e miserias da nosa terra
(1959)
-
Nin lendas negras nin historias brancas
(1962)
-
Toponimia galaica (1965)
-
Romance de Castrelo de Miño
Así mesmo, é autor do libro "Temas de pedagogía"
(1963),
onde está recollido o seu ideario educativo, baseado nas súas
experiencias persoais e en profundas lecturas dos pedagogos do seu
tempo. Libro curioso na súa orixe (naceu como resultado das súas
leccións orais ditadas aos alumnos, que actuaron a modo de
amanuenses recollendo con fidelidade as súas palabras e facendo
posible a súa edición), nel aborda, na súa case totalidade, a
problemática educativa, caracterizándose pola súa gran capacidade de
sínteses e pola súa claridade de exposición. Defende a escola activa
e funcional, o respecto á liberdade do educando e propugna o método
heurístico-socrático como o máis idóneo para chegar ao coñecemento
da ciencia, método cuxa mecanización actual segue constituíndo a
base do ensino programado.
Á parte do seu labor educativo, Núñez Domínguez
realizou estudos xeográficos, de toponimia e literarios, colaborou
asiduamente na prensa –La
Región,
La Voz de Galicia,
Faro de Vigo,
La Noche,
Lar,
Vieiros,
ABC,
El Pueblo Gallego,
Irmandade (Caracas)...– e
traduciu ao galego poemas de
Antonio Machado.
|